Mazarelos 15 | decembro 2024
Mazarelos finaliza o seu quinto ano de publicación ininterrompida con tres números anuais e anuncia no editorial que pecha así a súa primeira etapa. O número 15 comeza cunha entrevista a Hermann Parzinger, presidente da Fundación do Patrimonio Cultural Prusiano, quen reflexiona a descolonización dos museos. Neste senso, tamén presentamos o artigo de Manuel con respecto á relación de España co pasado colonial en África, Asia e América. Nerea explora a sociabilidade na posguerra franquista desde unha perspectiva relixiosa, as festividades en Maceda, mentres Alexandre estuda os teleclubs no tardofranquismo como espazos de control e sociabilidade. Por outra banda, Paloma analiza o relicario Caput Argenteum na Catedral de Santiago e Ana aborda a educación feminina na Galicia dos séculos XVIII e XIX.
Pechando o número, atopamos a entrevista a Bruno Arias e Lidia Veiga na que falamos sobre o filme Os espazos en branco, o cinema en Galicia, a mocidade e cultura no rural. Ademais, contamos cun artigo de Rocío sobre a Casa de Rosalía, emblema cultural en Padrón, e a nova sección de recomendacións editorias.
Mazarelos 14 | outubro 2024
Novo número e novos contidos! Marina Mosquera, directora do xacemento de Atapuerca, ábrenos as portas do IPHES para falar dos retos que afronta un centro de investigación arqueolóxica. Continúa Hayden White e a proposta da metahistoria e a historia como artefactos literarios. Retrocedemos á Idade Moderna para comprender os usos dos montes galegos e as disputas xurídicas sobre a súa xestión. Falamos da conservación ou perda das cruces de madeira nas parroquias galegas, particularmente no concello lucense do Corgo. Tamén falamos da vida e obra de Philip West, un artista surrealista con moito por contar; e analizamos o papel xogado polas mulleres no movemento veciñal da transición.
A conversa nesta ocasión foi con Irene e José Carlos, comisaria e asesor científico da mostra ‘Unha vida viquinga’, na que afondamos sobre a presenza no territorio galego e as formas de achegarnos a esta civilización dende a actualidade. A DAG fálanos do seu traballo e perspectivas de futuro, e pechamos o número cunhas recomendacións de novidades editoriais. A capa é de Andrea de Toba.
Mazarelos 13 | maio 2024
Comeza o número Amelia cunha entrevista a Mihaela Ciobanu pertencente á chamada “xeración coa chave ao pescozo” durante a Romanía de Ceaușescu. Segue Pablo, desde as conservas da Ría de Vigo do século pasado, para darnos a coñecer á moza Rosa Monteagudo. Despois Sara dános a coñecer a Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller (CEDAW), un organismo da ONU descoñecido para a maioría. Logo Aldara convídanos a dar un paseo polos parques composteláns parándonos a pensar no modelo urbanístico que hai detrás da súa ordenación.
En penúltimo lugar conversamos con Pilar e Domingo, profesores da Facultade de Xeografía e Historia sobre o fenómeno migratorio desde a Idade Moderna. E pecha Alba, integrante da Rede Galega de Estudos Queer, falando das súas orixes e do seu papel na conformación dun espazo académico coa diversidade por bandeira. A capa é de Rosa de Cabanas.