Mazarelos 14
9,00€ IVA
Mazarelos 14
Revista de historia e cultura – outubro 2024
formato físico
76 páxinas
ISSN 2695-6276
Depósito Legal: C 2410-2019
Novo número e novos contidos! Marina Mosquera, directora do xacemento de Atapuerca, ábrenos as portas do IPHES para falar dos retos que afronta un centro de investigación arqueolóxica. Continúa Hayden White e a proposta da metahistoria e a historia como artefactos literarios. Retrocedemos á Idade Moderna para comprender os usos dos montes galegos e as disputas xurídicas sobre a súa xestión. Falamos da conservación ou perda das cruces de madeira nas parroquias galegas, particularmente no concello lucense do Corgo. Tamén falamos da vida e obra de Philip West, un artista surrealista con moito por contar; e analizamos o papel xogado polas mulleres no movemento veciñal da transición. A conversa nesta ocasión foi con Irene e José Carlos, comisaria e asesor científico da mostra ‘Unha vida viquinga’, na que afondamos sobre a presenza no territorio galego e as formas de achegarnos a esta civilización dende a actualidade. A DAG fálanos do seu traballo e perspectivas de futuro, e pechamos o número cunhas recomendacións de novidades editoriais. A capa é de Andrea de Toba.
Descripción
Mazarelos 14
Capa: verbena, por Andrea de Toba
O Instituto Catalán de Paleoecoloxía Humana e Evolución Social (IPHES). Entrevista a Marina Mosquera Martínez – Roque Sanfiz Arias e David Miguel Rodríguez Martínez
O IPHES abriunos as súas portas para coñecer o centro e as súas investigacións actuais. Conversamos con Marina Mosquera Martínez, directora do centro e arqueóloga que ten participado nas escavacións de Atapuerca dende o 1987 ata a actualidade, entre outras moitas intervencións.
Hayden White: metahistoria e historia como artefactos literarios – André González Mayo
Hayden White (1928-2018) foi un historiador, filósofo e docente universitario. Destacou pola súa reflexión epistemolóxica narrativista, moi vencellada ao uso da linguaxe e ao xiro lingüístico. Para abordar máis o seu pensamento, André achéganos a cuestión da metahistoria e da historia como artefactos literarios nestas páxinas.
Usos, estado e preitos dos montes galegos na Idade Moderna – Alba María Chantada Sineiro
Este artigo afonda no papel fundamental dos montes na sociedade rural galega durante a Idade Moderna, destacando a súa relevancia no sistema agrario e nas disputas xurídicas sobre a súa xestión. A través dun percorrido histórico, Alba explora os usos agrarios e gandeiros, así como a súa importancia na economía e na organización social da época.
As cruces procesionais de madeira do Corgo. Símbolo de fe e tradición – Adrián Flores Vázquez
Achegámonos ao concello lucense do Corgo da man de Adrián para comprender que foi das cruces de madeira nas parroquias, a súa tipoloxía e a súa conservación.
Philip West e a súa forma de comprender o mundo – Dolores Villaverde Solar
A Fundación Granell posúe parte da biblioteca de Philip West. Pero, quen foi? Dolores achéganos á obra deste artista surrealista neste texto, facendo unha análise da súa produción na década dos anos 80.
Orgullo de barrio. Mulleres e movemento veciñal na Transición – Uxía Martínez Fernández
Uxía tráenos este artigo no que explora a orixe do “orgullo de barrio” nos distritos humildes, destacando as loitas veciñais dos anos 60 e 70 para obter servizos básicos en plena Ditadura. Analízase o papel fundamental das mulleres nestes movementos, que sentaron as bases dunha conciencia política e dunha identidade comunitaria forte, cuxa relevancia histórica segue vixente na actualidade.
“Galicia foi un lugar bisagra nas conexións entre o Norte e o Sur Atlántico”. Entrevista a Irene García Losquiño e Jose Carlos Sánchez Pardo – Brais Ferreiro Ares
Houbo viquingos en Galicia? Como é montar unha exposición internacional sobre esta sociedade? Como nos achegamos ao seu pasado? Todo isto e máis por Irene García Losquiño e José Carlos Sánchez Pardo, comisaria e membro do comité científico da exposición ‘Unha vida viquinga’ (Cidade da Cultura, 2024).
Asociación Galega de Deseño. Actividade, divulgación e futuro – Equipa da DAG
A Asociación Galega de Deseño (DAG) fúndase en xuño de 2006 co obxectivo de crear un marco de debate reflexión en todos os ámbitos culturais e profesionais do deseño. Achegámonos ao seu funcionamento, as súas actividades e súas as perspectivas de futuro.
Recomendacións editoriais – Roque Sanfiz Arias e David Miguel Rodríguez Martínez
Traemos unha nova sección á revista! Editores e colaboradores publicarán unhas breves notas sobre novidades editoriais a modo de breve recensión. Unha forma de achegarnos a novas lecturas, enfoques e investigacións.