Mazarelos 15

9,00 IVA

Mazarelos 15
Revista de historia e cultura – decembro 2024

formato físico
76 páxinas
ISSN 2695-6276
Depósito Legal: C 2410-2019

Mazarelos finaliza o seu quinto ano de publicación ininterrompida con tres números anuais e anuncia no editorial que pecha así a súa primeira etapa. O número 15 comeza cunha entrevista a Hermann Parzinger, presidente da Fundación do Patrimonio Cultural Prusiano, quen reflexiona sobre traballar en climas extremos e a descolonización dos museos. Neste senso, tamén presentamos o artigo de Manuel con respecto á relación de España co pasado colonial en África, Asia e América. Nerea explora a sociabilidade na posguerra franquista desde unha perspectiva relixiosa, centrándose nas festividades en Maceda, mentres Alexandre estuda os teleclubs no tardofranquismo como espazos de control e sociabilidade. Por outra banda, Paloma analiza o relicario Caput Argenteum na Catedral de Santiago e Ana aborda a educación feminina na Galicia dos séculos XVIII e XIX.

Pechando o número, atopamos a entrevista a Bruno Arias e Lidia Veiga na que falamos sobre o filme Os espazos en branco, o cinema en Galicia, a mocidade e cultura no rural. Ademais, contamos cun artigo de Rocío sobre a Casa de Rosalía, emblema cultural e histórico en Padrón, e a nova sección de recomendacións editorias.

Descripción

Mazarelos 15

Capa: redeira, por Theresa Lousame

Bruarán novos ventos – Equipo editorial

Entrevista a Hermann Parzinger – Mar Pereira Gómez

Hermann Parzinger é un destacado arqueólogo especializado na Prehistoria e na Historia Antiga de Europa e Asia. Actualmente é presidente da Fundación do Patrimonio Cultural Prusiano, unha das institucións culturais máis importantes de Europa. Aproveitando a súa visita á Facultade de Xeografía e Historia da USC, Mar Pereira entrevístao para coñecer máis como é traballar en climas extremos ou como descolonizar adecuadamente os museos.

O outro Santiago. A conservación e o culto das reliquias de Santiago o Menor e outras representacións do apóstolo na catedral – Paloma Fachal García

No Novo Testamento menciónanse ata catro Santiagos que poderían ser entendidos como individuos diferentes. Eles son: Santiago Zebedeo, Santiago Alfeo, Santiago o Menor e Santiago “o irmán do señor” ou o Xusto. Que Santiago Zebedeo é Santiago o Maior está claro, pero cos demais hai diversas teorías sobre se son ou non a mesma persoa. Paloma Fachal céntrase en analizar o relicario Caput Argenteum e outras representacións do apóstolo na Catedral de Santiago.

A educación feminina en Galicia (s. XVIII-XIX) – Ana M. Sixto Barcia

Neste artigo achegámonos ao estado da educación, especialmente da feminina, na Galicia a cabalo entre a Idade Moderna e a Idade Contemporánea. Ana M. Sixto explícanos que a rede escolar non respondía a criterios fixos nin uniformes, o papel da emigración na constitución dos centros de ensino, a rendibilidade da educación, as cifras das nenas e nenos escolarizados ou as taxas de alfabetización. Este artigo foi publicado orixinalmente en mazarelos.gal en marzo de 2021.

Sociabilidade relixiosa no mundo rural de posguerra – Nerea Garrido Casado

A instauración pola forza da ditadura franquista cambiouno todo. Tamén a maneira de socializar e de asociarse. Modificáronse os días festivos, as referencias culturais e vinculouse todo coa relixión católica. Nerea Garrido explícanos como se deu este proceso na posguerra tomando como estudo de caso o concello de Maceda, centrándose en aspectos como as festas do verán nesa bisbarra ou o grao de aceptación popular deste novo paradigma social. 

Amnesia, negación ou rebumbio? España perante os pasados coloniais – Manuel Castelao Ouzande

Aínda que ás veces non o teñamos en conta, o actual Estado español ten como parte importante da súa historia un papel colonizador en África, Asia e América. Manuel Castelao pregúntase se este pasado está esquecido, negado ou exaltado pola sociedade, facendo fincapé en episodios da actualidade como a petición do expresidente mexicano, López Obrador, de que España pida perdón polo seu pasado no continente. O artigo reivindica o papel do estudo histórico rigoroso como contribución a este debate.

“Á lus do televisor”. Ocio e comunidade no rural tardofranquista a través dos Teleclubs” – Alexandre Varela Rubín

Trasladámonos a outro momento da ditadura, o tardofranquismo, para afondar na construción de comunidade rural a través dos teleclubs. Alexandre Varela explícanos como se introduciu este novo invento no rural galego a través do Servicio Nacional de Teleclubs, patrocinado por Manuel Fraga na súa etapa de Ministro franquista de Información. Neste artigo, publicado orixinalmente na nosa web en 2023, emprega Xián (Taboada) como estudo de caso.

“O fondo da pota queimouse, e hai algo que temos que raspar”. Entrevista a Bruno Arias e Lidia Veiga – Brais Ferreiro Ares e David Miguel Rodríguez Martínez

Os espazos en branco (Premio Mestre Mateo 2024 a Mellor Documental) vén de estrearse en salas o pasado mes de novembro. Este filme amosa a ollada subxectiva de Bruno Arias cara á súa tía, a escritora Xela Arias, á cal apenas coñeceu. Aproveitamos a ocasión para conversar con el, como director, e cunha das actrices que interpreta a Xela, Lidia Veiga. A partir de aí preguntámoslles sobre o papel da mocidade no cinema, a oferta en plataformas dixitais ou a presenza cultural no rural.

“Cincuenta anos máis para a Casa de Rosalía” – Rocío Castro

A revista péchaa o tradicional artigo dedicado a unha asociación ou entidade. Neste caso trátase da Casa de Rosalía, unha das institucións culturais máis importantes do país en número de actividades pero tamén en simbolismo histórico. Rocío Castro, integrante do padroado da Fundación, comeza presentándonos o abandono que sufriu a casa tras a morte de Rosalía de Castro para logo contarnos como se recuperou e cal é a situación do museo na actualidade.

Recomendacións editoriais – Adrián Feijoo Sánchez e Arturo Real López