Mazarelos 9 dixital
7,00€ IVA
Revista de historia e cultura – Decembro 2022
formato dixital
84 páxinas
ISSN 2695-6276
Depósito Legal: C 2410-2019
Memoria, comunicación, arte, literatura e historia no noso noveno número. Arranca Caroline achegándonos á súa experiencia no eido da comunicación do proxecto ReSEED da Universidade de Coimbra. Segue Iria cunha análise dunhas ilustracións moi presentes no imaxinario da nosa sociedade: os carteis do estatuto de Castelao e Díaz Baliño. Pasamos ao estudo iconográfico en detalle da catedral de Lugo que nos trae Marcos. Mergullámonos na historia ourensá, primeiro con Carlos cos proxectos de reforma provincial de 1822 e 1833 e logo con Mateo e a análise microhistórica dunha sociedade agraria socialista na Veiga. Marcos conversa con Cunqueiro a través da súa obra do Santo Gonzalo, e por último Conchi e Antonio analizan os obstáculos e a súa experiencia na investigación da violencia franquista, nas exhumacións e na memoria histórica no contexto galego. Coa capa de Julia Lago.
Descripción
Editorial
Comunicação: compromisso e prática na ciência. A experiência do projeto de investigaçao ReSEED – Caroline Delmazo
Caroline Delmazo dá comezo ao número cunha reflexión sobre a súa experiencia no proxecto de investigación ReSEED, adicado a examinar os cambios na agricultura, no medioambiente e o impacto social entre 1750 e 1950: a comunicación, o papel activo nas redes sociais e a relación estreita entre Galicia e Portugal son algúns dos temas que a xornalista destaca.
Agora ou nunca. O cartel do estatuto de Castelao – Iria Friné Rivera Vázquez
Mergullámonos no mundo da cartelaría para analizar a complexidade gráfica e conceptual das propostas de Castelao e Díaz Valiño en canto as temáticas, elementos da composición e moitos detalles máis.
A iconografía de San Xoán Bautista na Santa Igrexa Catedral Basílica de Santa María de Lugo – Marcos Gerardo Calles Lombao
Accedemos á Catedral de Lugo para facer unha análise iconográfica pormenorizada dos seus elementos, destacando unha figura de San Xoán Bautista cargada de influencias, vinculacións e con moito por contar.
Os proxectos de reforma provincial de 1822 e 1833. 200 anos da primeira provincia de Ourense – Carlos Lozano González
Cal foi o primeiro intento oficial do réxime constitucional de rachar o antigo Reino de Galicia? Como transicionou a provincia de Ourense entre 1822 e 1833? Carlos achéganos os trocos administrativos e variacións nos marcos provinciais.
A Rusia pequena. Microhistoria dunha agraria socialista no Ribeiro – Mateo Martínez Torres
O agrarismo e o asociacionismo xogaron un papel fundamental nas iniciativas inmersas nun marco parroquial na provincia de Ourense. Nesta ocasión, Mateo tráenos á Sociedad Agraria de la Veiga para analizar a súa evolución nos anos da república e a súa implicación política e social ata o alzamento fascista.
San Gonzalo, de Álvaro Cunqueiro. O xogo do real, o santo e o mítico nunha haxiografía galega – Marcos Filgueiras Allegue
Que nos quere contar Cunqueiro a través de Gonzalo Arias, protagonista do San Gonzalo? Marcos disecciona esta publicación para estudar os diferentes elementos de autor e obra, tendo unha presenza protagonista a relixiosidade e crenza.
“Os verdugos levan poñendo trampas moitas décadas para borrar a evidencia do seu crime”. Entrevista a Conchi López e Antonio Míguez – David Miguel Rodríguez Martínez e Brais Ferreiro Ares
Na Facultade de Xeografía e Historia Conchi López e Antonio Míguez reflexionan sobre os diferentes obstáculos que atopan na localización, exhumación e identificación de víctimas. O traballo transdisciplinar, o papel da colaboración veciñal e a violencia golpista son algúns dos elementos que aparecen na conversa.